Gallego Abad expande o
universo de «Dragal» cunha nova triloxía
Ás versións en castelán, catalán e inglés súmase a adaptación a cine e cómic
«A sombra do
dragón apoderouse das madrugadas de Hadrián, que nas últimas semanas apenas
conseguira durmir». Así arranca o libro máis esperado polos moitos lectores de Dragal que lle reclamaban a Elena Gallego Abad (Teruel, 1969) máis libros despois de
concluír no 2012 a triloxía sobre o derradeiro dragón. Tres
anos despois os seareiros están poden felicitarse porque non só chega ás
librerías Dragal IV. A
estirpe do dragón (Xerais),
senón que este novo volume abre unha segunda triloxía coa que a autora expande o seu
universo fantástico.
«Moitos dos
lectores da primeira triloxía me dicían que tiña que continuar, que un mundo
tan marabilloso non podía desbotalo», lembra Gallego Abad, quen antes de
retomar a saga do dragón fixo unha paréntese para achegarse á novela negra con Sete caveiras. Malia ter xa no maxín
ideas dabondo como para comezar a escribir esta nova triloxía, a escritora non
quixo precipitarse. Primeiro, pola súa autoesixencia: «Cada
novo libro é un reto porque teño moi claro que ten que ser mellor que o
anterior». E segundo, porque o éxito de Dragal -o volume inaugural vai xa pola oitava
edición galega- multiplica o traballo. Nestes meses xa se iniciou a tradución
da primeira triloxía ao castelán (Anaya), o catalán (Pagès) e o inglés (Small
Stations). Tamén están en marcha as adaptacións ao cine e ao cómic, este
último, nunha versión interactiva que conta con debuxo de David Rubín e guión
de Carlos Portela. E a isto hai que sumar as actividades con once centros de ensino e case setecentos alumnos ou o xogo de
rol no encontro
que se celebrou no Pico Sacro e que fan de Dragal unha
experiencia que nace dos libros pero que vai alén da letra impresa.
Nesta nova xeira
da saga tamén inflúe que Elena Gallego Abad é lectora antes que escritora.
«Escribo o que me gusta ler, e son unha lectora moi esixente», declara. Esa
paixón lectora tamén intervén no proceso da escrita, xa que a investigación e
os achados da autora están na base dos seus libros. «Busco cousas que me
sorprendan porque tamén quero sorprender aos lectores, que non se aburran e
para iso tes que rachar co previsible», explica. A estas claves hai que engadir
a procura duns personaxes reais para o lector e a creación dun mundo literario
propio que se alicerza na cultura da autora. «A base é Galicia, a nosa historia, a nosa cultura»,
sostén. Sobre isto constrúe historias que viaxan no espazo e nas linguas porque
transmiten «valores universais: a loita do ben e o mal está presente en todas as culturas, na
nosa tamén, que non é menos que a anglosaxona». Precisamente esa concreción
universalista nun escenario concreto é responsable en boa medida do éxito de Dragal:
«Recibo moitos comentarios de lectores de fóra que me din que coñeceron Galicia a
través dos libros e
que agora queren vir visitala».
FUENTE:
No hay comentarios:
Publicar un comentario