lunes, 4 de mayo de 2015

ELANA GALLEGO ABAD: Dragal IV. A estirpe do dragón

Gallego Abad expande o universo de «Dragal» cunha nova triloxía


Ás versións en castelán, catalán e inglés súmase a adaptación a cine e cómic

 

«A sombra do dragón apoderouse das madrugadas de Hadrián, que nas últimas semanas apenas conseguira durmir». Así arranca o libro máis esperado polos moitos lectores de Dragal que lle reclamaban a Elena Gallego Abad (Teruel, 1969) máis libros despois de concluír no 2012 a triloxía sobre o derradeiro dragón. Tres anos despois os seareiros están poden felicitarse porque non só chega ás librerías Dragal IV. A estirpe do dragón (Xerais), senón que este novo volume abre unha segunda triloxía coa que a autora expande o seu universo fantástico.
«Moitos dos lectores da primeira triloxía me dicían que tiña que continuar, que un mundo tan marabilloso non podía desbotalo», lembra Gallego Abad, quen antes de retomar a saga do dragón fixo unha paréntese para achegarse á novela negra con Sete caveiras. Malia ter xa no maxín ideas dabondo como para comezar a escribir esta nova triloxía, a escritora non quixo precipitarse. Primeiro, pola súa autoesixencia: «Cada novo libro é un reto porque teño moi claro que ten que ser mellor que o anterior». E segundo, porque o éxito de Dragal -o volume inaugural vai xa pola oitava edición galega- multiplica o traballo. Nestes meses xa se iniciou a tradución da primeira triloxía ao castelán (Anaya), o catalán (Pagès) e o inglés (Small Stations). Tamén están en marcha as adaptacións ao cine e ao cómic, este último, nunha versión interactiva que conta con debuxo de David Rubín e guión de Carlos Portela. E a isto hai que sumar as actividades con once centros de ensino e case setecentos alumnos ou o xogo de rol no encontro que se celebrou no Pico Sacro e que fan de Dragal unha experiencia que nace dos libros pero que vai alén da letra impresa.

Nesta nova xeira da saga tamén inflúe que Elena Gallego Abad é lectora antes que escritora. «Escribo o que me gusta ler, e son unha lectora moi esixente», declara. Esa paixón lectora tamén intervén no proceso da escrita, xa que a investigación e os achados da autora están na base dos seus libros. «Busco cousas que me sorprendan porque tamén quero sorprender aos lectores, que non se aburran e para iso tes que rachar co previsible», explica. A estas claves hai que engadir a procura duns personaxes reais para o lector e a creación dun mundo literario propio que se alicerza na cultura da autora. «A base é Galicia, a nosa historia, a nosa cultura», sostén. Sobre isto constrúe historias que viaxan no espazo e nas linguas porque transmiten «valores universais: a loita do ben e o mal está presente en todas as culturas, na nosa tamén, que non é menos que a anglosaxona». Precisamente esa concreción universalista nun escenario concreto é responsable en boa medida do éxito de Dragal: «Recibo moitos comentarios de lectores de fóra que me din que coñeceron Galicia a través dos libros e que agora queren vir visitala».

FUENTE:           La Voz de Galicia


No hay comentarios:

Publicar un comentario